segunda-feira, 22 de junho de 2009

Atro-cidades

ATRO-CIDADES

A maxia dos lugares consiste en que primeiro espertan fascinación e logo levan a sufrir coa única finalidade de que un poida probar se aguanta vivir neles ou se os soños, ideais e esperanzas que as persoas volcan nun sitio se veñen tan axiña abaixo que os homes desisten de quereren permanecer alí. O amor ós lugares non se distingue de ningún xeito do amor ós seres humanos. Os espazos son tan marabillosos e tan ingratos coma as persoas. Tal vez isto se debe a que ó fin e ó cabo son as mans dos homes que os crean, que lles dan forma, que os recrean e verten a alma dentro deles. Tal e como empezaba un pintor e poeta polaco Stanisław Wyspiański un dos seus máis famosos versos: “O kocham Kraków - bo nie od kamieni przykrościm doznał - lecz od żywych ludzi.” (“Oh, quero Cracovia, porque non as súas pedras me fixeron sufrir senón os propios seres vivos”), o único que nos debería amargar e decepcionar son os homes e os seus actos. É lícito, no entanto, culpar unha creación humana polos erros do constructor? A monstrualidade de Frankenstein foi un constante reproche cara ó creador que se autodotou do poder divino para crealo. O home sendo el mesmo unha mera criatura ten como a aspiración máxima na vida a acción e efecto de construír. Porén, a súa innata condición de imperfecto condena á imperfección todas as súas obras. Cando un autor deixa de responsabilizarse pola súa obra empezan a ocurrir atrocidades. As atro-cidades son obras de masas, obras de todos e de ninguén, sumas de erros e de imperfeccións, aspirantes ó absoluto e condenadas ó fracaso. Tal vez sexa esta a única razón pola que adquiren e dispoñen de personalidades, tan distintas e tan semellantes ós carácteres humanos e pola que deixan que nos fascinemos por elas.

Sem comentários:

Enviar um comentário