segunda-feira, 27 de abril de 2009

Rosalías

Vai vostede por Rosalía de Castro? – preguntou o Xacobe subindo o bus. Puxo os cascos e soou “Negra sombra”, maldito modo aleatorio. No escaparate da libraría expuñan albariño Rosalía, double pack, con “Follas Novas” de agasallo. Nin me deixarás ti nunca… que sempre me asombras!

La storia infinita

       La storia infinita. Topeina á porta saíndo da casa. Estaba deitada aló na alfombriña. Non choraba nin berraba. Sorría.

– E ti, que? – preguntou. Enmudecín nun intre. Ela falaba, encima falaba... que pilla! – Sonche a historia de nunca acabar – dixo –, vouche seguir.

– Sempre?

– Si, cando queiras, estarei ó teu carón para que te lembres de min.

 – Vale, podes ir detrás miña.

– Detrás non. Só podo estar ó teu carón.

– Pois non sei. Non estou moi seguro...

– Avísote que non acabo nunca.

 – Nunca? Nunca digas nunca!

– Por iso cho digo. 

E colleu e foi comigo. Ó meu carón para rir de min cando toleaba e para botarme a man cando saíndo da casa tropezaba nesta vella alfombriña onde a topara fai tanto tempo.