quinta-feira, 8 de dezembro de 2011

Un macaco galegofalante

Sonvos un macaco galegofalante. Como non son daquí da terra e veño de moi moi lonxe, doutro confín de Europa, dirían algúns especialistas en xeopolítica, pois ao instalarme aquí en Compostela debería poñerme a estudar o castelán e comunicarme coa xente como Deus manda. Pero eu son rara, moi moi rara e polo visto quixen chamar atención como aqueles macacos no xardín zoolóxico que aprenden a imitar os comportamentos humanos e deciden facer algo que atraia o público. Pois eu fixen tamén algo así de raro: aprendín o galego.

Hai uns meses sentín que o tempo que levo neste país é dabondo para proceder a unha pequena investigación. Seica tres aniños non son moitos para coñecer a idiosincrasia galega coa profundidade necesaria, pero son suficientes para facer unha recollida de reaccións que provoca nos honrados galegos escoitar a ese macaco que son eu cando falo no seu prezado idioma (tan prezado que moitos nin se decatarían se dun día para o outro desaparecese).

Para empezar afirmarei unha obviedade: un estranxeiro que se atreve a abrir a boca para pronunciar uns cantos enunciados na lingua rosaliana causa estupefacción, isto sen dúbida. Pero que tipo de estupefacción? É que unha estupefacción nunca é igual á outra. Preséntovos aquí unha breve escolma, sen entrar en detalles, das estupefaccións máis comúns, ou daquelas que máis afectan, todas elas recollidas empiricamente e con moito coidado, non vaia ser que… :

Nivel 1 Xordeira

- Ola, bos días, veño para preguntar se aínda quedan prazas para o curso de…
- Dime tu apellido…
- Zxgrfhyzghs (é o que oe calquera persoa non familiarizada coa miña belísima lingua materna)
- Anda, no eres de aquí, pero que bien hablas el castellano.
- Hmmm… castelán, non sei, aínda non llo falei. Por certo, que agasallos máis xeitosos facedes á xente que se apunta, estou abraiada.
- Es que, jo, hablas muy bien el castellano.

Nivel 2 Preocupación pola desaparición do castelán de Galicia

O interlocutor, en contraposición ao caso anterior, activa os procesos cognitivos o suficiente para darse de conta que a RAE nunca rexistrou as entradas como “agasallo” ou “xeitoso” como vocábulos pertenecentes á lingua cervantina:

- Ola, bos día, viña a recoller o pedido de…
- ¿Como te llamabas?
- Zxgrfhyzghs…
- Ah, sí, que no eras de aquí.
- Non, sonche de Polonia.
- ¿Y hablas gallego? Pero ¿hablas también el castellano? (aquí pon unha cara de… algo entre susto e ¿a que son moi pillo, eh?)
- Si, fáloo tamén, pero como vivo en Galicia resúltame máis natural falar en galego.

Nivel 3 O sea la libertad

- Pois, nada, como vos contaba antes, pois cheguei aquí e con iso dos cursos de verán…
- Me parece muy bien que hables gallego y que la gente me lo hable, pero yo siempre hablo castellano. Es que yo soy gallega y uno puede ser gallego y español al mismo tiempo, sabes, no es excluyente.
- Si, e?
- Que cada uno es libre de hablar el idioma que quiera.
- Si, tes razón, a libertade sobre todo. Pois eu son libre de falarche en galego e tamén en polaco. To co, pogadamy sobie po polsku?

Nivel 4 Mocedade molona

- Hostia, tío, que guay, una polaca que habla gallego, ja ja ja, que pasada, tío. Mi profe de sociales iba a flipar, es que le encantarías, ya te digo.
- Si, oh, e un rapaz galego que non fala galego, eu tamén estou flipando e moito…

Nivel 5 Comparación

- Jo, y hablas gallego… es que lo hablas mejor que yo.
- Pois ti tamén podes intentalo.
- No, es que a mí no me da salido.
- Pois que raro, porque os calcos de galego cando falas en castelán sáenche caralludos…

Nivel 6 Confesión

- Impresionante, non o podo crer. É que nós aquí non o falamos moito, porque aquí houbo unha ditadura… e os nosos pais non nos falaban… e era de paletos e non se ensinaba nas escolas…
- Pero hoxe en día xa cambiou a situación, non si?
- Si, pero como non temos costume…
- Podedes recuperalo. Os xudeus recuperaron o hebreo cando xa estaba morto e vós non ides ser quen de recuperar o galego?

Nivel 7 Trola

- Estásme mentindo? Nin Polonia nin carallo, rapaza, ti es daquí de Lugo ou eu que sei, de toda a vida. Imposible! Xurxo, Brais, Xiana, vinde aquí, que esta rapaza hoxe non paga os seus viños!

Por se acaso mostro o meu carné de identidade para que vexan que non son de Lugo. E sigo tomando copas de balde.

Nivel 8 Bágoas

- …

O interlocutor non di nada, cáenlle dúas bágoas.

segunda-feira, 22 de junho de 2009

Atro-cidades

ATRO-CIDADES

A maxia dos lugares consiste en que primeiro espertan fascinación e logo levan a sufrir coa única finalidade de que un poida probar se aguanta vivir neles ou se os soños, ideais e esperanzas que as persoas volcan nun sitio se veñen tan axiña abaixo que os homes desisten de quereren permanecer alí. O amor ós lugares non se distingue de ningún xeito do amor ós seres humanos. Os espazos son tan marabillosos e tan ingratos coma as persoas. Tal vez isto se debe a que ó fin e ó cabo son as mans dos homes que os crean, que lles dan forma, que os recrean e verten a alma dentro deles. Tal e como empezaba un pintor e poeta polaco Stanisław Wyspiański un dos seus máis famosos versos: “O kocham Kraków - bo nie od kamieni przykrościm doznał - lecz od żywych ludzi.” (“Oh, quero Cracovia, porque non as súas pedras me fixeron sufrir senón os propios seres vivos”), o único que nos debería amargar e decepcionar son os homes e os seus actos. É lícito, no entanto, culpar unha creación humana polos erros do constructor? A monstrualidade de Frankenstein foi un constante reproche cara ó creador que se autodotou do poder divino para crealo. O home sendo el mesmo unha mera criatura ten como a aspiración máxima na vida a acción e efecto de construír. Porén, a súa innata condición de imperfecto condena á imperfección todas as súas obras. Cando un autor deixa de responsabilizarse pola súa obra empezan a ocurrir atrocidades. As atro-cidades son obras de masas, obras de todos e de ninguén, sumas de erros e de imperfeccións, aspirantes ó absoluto e condenadas ó fracaso. Tal vez sexa esta a única razón pola que adquiren e dispoñen de personalidades, tan distintas e tan semellantes ós carácteres humanos e pola que deixan que nos fascinemos por elas.

segunda-feira, 27 de abril de 2009

Rosalías

Vai vostede por Rosalía de Castro? – preguntou o Xacobe subindo o bus. Puxo os cascos e soou “Negra sombra”, maldito modo aleatorio. No escaparate da libraría expuñan albariño Rosalía, double pack, con “Follas Novas” de agasallo. Nin me deixarás ti nunca… que sempre me asombras!

La storia infinita

       La storia infinita. Topeina á porta saíndo da casa. Estaba deitada aló na alfombriña. Non choraba nin berraba. Sorría.

– E ti, que? – preguntou. Enmudecín nun intre. Ela falaba, encima falaba... que pilla! – Sonche a historia de nunca acabar – dixo –, vouche seguir.

– Sempre?

– Si, cando queiras, estarei ó teu carón para que te lembres de min.

 – Vale, podes ir detrás miña.

– Detrás non. Só podo estar ó teu carón.

– Pois non sei. Non estou moi seguro...

– Avísote que non acabo nunca.

 – Nunca? Nunca digas nunca!

– Por iso cho digo. 

E colleu e foi comigo. Ó meu carón para rir de min cando toleaba e para botarme a man cando saíndo da casa tropezaba nesta vella alfombriña onde a topara fai tanto tempo.